nwcshg

Xunta de Galicia

Información sobre Santiago de Compostela

O Centro Superior de Hostelería de Galicia atópase en Santiago de Compostela, no lugar da Barcia. As instalacións están a un quilómetro da cidade, nunha contorna tranquila e de amplas zonas verdes. Desde o Centro, os accesos á cidade son bos, pois conta cunha importante rede pública de transportes.

O visitante ten facilidades para chegar a Santiago desde calquera punto xeográfico e a través de calquera medio de transporte. As estacións de tren e autobuses sitúanse na mesma urbe, mentres que o aeroporto está a 14 km de distancia.

Se un quere visitar o centro histórico , atópase cerca, a tres kilómetros de distancia do CSHG, o que supón un traxecto de dez minutos en autobús. Santiago de Compostela é máxica. Desde 1984 é Patrimonio da Humanidade  e posúe numerosos premios e distincións que recoñecen o seu labor de conservación do patrimonio. Conta con aproximadamente 100.000 habitantes e dispón dunha importante universidade con máis de 30.000 estudantes, o que lle dá ese aire de frescura e actividade propia dun importante centro universitario.
santiagoSantiago non só ofrece historia e monumentos. Como capital de Galicia é unha cidade nova e dinámica , cunha nutrida programación cultural durante todo o ano, onde o visitante pode gozar de concertos, representacións teatrais, exposicións e actos culturais diversos en modernas infraestruturas.

É, ademais, un referente relixioso a nivel mundial. A catedral é o destino final da peregrinación do Camiño de Santiago que, ano tras ano, realizan máis de 3,5 millóns de visitantes procedentes de todo o mundo, cifra que se duplica cando coincide en Ano Santo, como é o caso do 2010.
Cidade milenaria, pero á vez moderna, ofrece moitos atractivos. O casco histórico é o centro neurolóxico da cidade. Correspóndese co espazo que desde o século XI en diante foi delimitado cunha muralla, hoxe desaparecida. No casco histórico concéntrase boa parte dos monumentos visitables, un comercio moi activo, numerosos aloxamentos e establecementos gastronómicos , así como institucións, museos, fundaciones e os edificios máis antigos da Universidade de Santiago; pero tamén vivendas, mercados, cafés e bares que fan da zona un espazo vivo e dinámico.
Unha das antigas portas da muralla, Porta Faxeira, é o acceso desde o casco histórico á Alameda. Este parque urbano esténdese entre a zona monumental, o Campus Sur Universitario e o Ensanche, zona nova cara a onde creceu a cidade nos últimos anos.

 

+ Fotografías sobre o campus

 
 
Vostede está aquí: Inicio Campus Instalacións e departamentos Info sobre Santiago