nwcshg

Xunta de Galicia

Plan de acción CSHG 2025

image gallery-2

A Xunta presentou o Plan 2020-2025 do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), unha folla de ruta que inclúe entre outros puntos a implantacion dunha titulación de grao oficial de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira que botará andar na USC no curso 2020-21, coincidindo coa celebración do Xacobeo 21.

As melloras incluídas no plan abarcan ademáis, a aposta pola internacionalización e realización de actuacións de renovación e equipamento das instalacións do CSHG cun investimento total de 5 millóns de euros, a creación dun viveiro de empresas e a formación a profesionais en activo.

O plan foi presentado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago (USC), Victoria Otero, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

Estas accións céntranse na sustentabilidade, a calidade e a mellora da competitividade e a profesionalización do sector, dentro da proposta de modelo turístico de Galicia.


A implantación deste plan é inmediata comezando coas obras de mellora enerxética xa en licitación, co obxectivo de converter o campus do CSHG nunha contorna mais eficiente e de aforro. Ademais do grao, a mellora formativa do CSHG completarase cunha estratexia de formación para profesionais en activo, xa en fase de deseño, que favoreza a reciclaxe profesional a outros sectores, a formación en novas tendencias, a innovación vinculada ás particularidades de cada territorio e que atenda aos turismos emerxentes e á accesibilidade. O proxecto inclúe, ademais, a celebración de cursos, seminarios, accións formativas ou foros de debate. De feito, este mesmo ano iniciaranse os primeiros cursos de idiomas para profesionais co fin de mellorar a súa formación e favorecer a súa capacidade de traballo en entornos diversos e multilingües.

Outro dos proxectos incluídos no Plan 2020-2025 é a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendedora no eido turístico e gastronómico. En concreto, habilitaranse espazos para dar cabida ata cinco empresas e crearanse zonas de reunión e melloras nos servizos, o equipamento e os recursos do centro “co fin de lograr un ambiente que propicie a cultura corporativa e de innovación.

Co obxectivo de favorecer aínda máis a internacionalización e a proxección exterior do centro, outro dos eixos de actuación do CSHG nos próximos anos pasa por promover estadías profesionais, intercambios e a participación en distintos proxectos europeos e internacionais. Así mesmo, teceranse alianzas cos principais axentes, profesionais e centros referentes no sector en todo o mundo.

Román Rodríguez subliñou que as actuacións recollidas no Plan 2020-2025 do CSHG permitirán que o complexo “siga sendo un referente do modelo turístico da Xunta, sustentado na calidade e a excelencia”, coa ollada posta no próximo Xacobeo 21. Neste sentido, agradeceu a colaboración de entidades como a USC, o Clúster Turismo de Galicia e outros profesionais do sector “por facer do CSHG un punto de encontro de todos os axentes implicados no ámbito turístico”. 

 

Vostede está aquí: Inicio CSHG Novas Plan de acción CSHG 2025