nwcshg

Xunta de Galicia

Empeza o curso con 76 novos alumnos en dirección hoteleira e gastronomía

 
O  CSHG impón as medidas para dar formación segura neste curso 2020-21
 
Santiago, 8 de outubro. As clases no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) iniciáronse  escalonadamente desde mediados de setembro por cuestións de seguridade diante do COVID-19. O luns, 5 de outubro, empezaban a actividade os 76 novos alumnos de dirección hostaleira e xestión en cociña, que se repartiron polas distintas aulas teóricas e prácticas en Servizos e Cociña. Ofrecer unha formación presencial de calidade nestas condicións marcadas pola pandemia é o maior reto ao que se enfronta o centro nos seus máis de 25 anos de existencia e, para iso, todo o persoal está concienciado cos protocolos a seguir as medidas a implementar, e formado durante as semanas previas ao comezo do curso.
 
Xunto ao resto de grupos doutros cursos, este ano hai catro grupos de primeiro en dirección hostaleira e un en primeiro de gastronomía que, cada semana, repártense entre as aulas prácticas e teóricas. No edificio de restaurantes os profesores traballan con equipos de 4 e 5 alumnos que manteñen as distancias de seguridade e utilizan en cada momento as máscaras. Nas aulas do edificio de teoría,as clases non alcanzan os 20 usuarios, que usan sempre a mesma cadeira e mesa e están a unha distancia de máis de metro e medio. Por todos os edificios e lugares de paso hai cartelería informando das medidas COVID 19 que hai que utilizar en cada momento, e polos corredores e á entrada e saída de cada instalación hai dispensadores de hidroalcohol. 
 
Na residencia, con cuartos dobres e individuais, só se permite un alumno por cada estancia. E mantéñense os mesmos protocolos e medidas de seguridade que no resto do campus. Permítense as visitas nos cuartos, tanto doutros alumnos como de foráneos, pero só dunha persoa en cada momento. E tómanselle os datos e a temperatura a todos os visitantes, tanto os que van a  a residencia como os que van ao resto de edificios. Isto facilitará a comunicación de casos ás autoridades sanitarias se se coñece ou produce algún contaxio de  COVID 19 en calquera dos usuarios do CSHG ou naquelas persoas que estiveron en contacto con eles. Todos os que traballan e estudan no  CSHG recibiron teleformación sobre as medidas e os protocolos a seguir, entre eles, o que se debe facer en caso de contaxio. Neste caso, recomendóuselles que garden no seu teléfono móbil os catro contactos aos que hai que informar (dirección do  CSHG e autoridades competentes).
 
 
Tres posibles escenarios
Para este curso 2020/21 o CSHG desenvolveu un plan de continxencia que contempla 3 posibles escenarios en función da evolución da pandemia que van desde unha presencialidade total ao peche das instalacións. Ademais, definíronse medidas específicas para cada un deles, e só no caso do escenario 3 a formación realizarase de forma íntegra a distancia.
 
A Xunta destaca a importancia da formación como sinónimo de futuro, de excelencia e dunha profesionalización que está sendo moi demandada e apreciada polo sector turístico.
Vostede está aquí: Inicio CSHG Novas Empeza o curso con 76 novos alumnos en dirección hoteleira e gastronomía